Sunday 05 de May de 2024

Augas de Galicia e a Universidade da Coruña colaborarán para achegar o ámbito profesional e o académico


O director do organismo autonómico, Roberto Rodríguez, e o reitor da UDC, Julio Abalde, asinaron hoxe un convenio neste sentido
Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e a Universidade da Coruña (UDC) colaborarán para o desenvolvemento de prácticas académicas extracurriculares na administración hidráulica galega.

Así se recolle no convenio asinado hoxe entre o director do organismo autonómico, Roberto Rodríguez, e o reitor da UDC, Julio Abalde, no que se concreta que os beneficiarios desta iniciativa serán os alumnos de Enxeñería de camiños, canais e portos.

Tanto Augas de Galicia como a UDC consideran de vital importancia este tipo de colaboracións que permiten achegar os ámbitos profesionais e o universitario, co obxecto de facilitar a futura inserción laboral dos estudantes. A alternancia da formación teórica e a práctica profesional permite acadar, ao mesmo tempo, unha mellor cualificación e adaptación aos postos de traballo.

Así, neste curso académico, un estudante, previamente seleccionado pola Universidade entre o alumnado do mestrado en Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, realizará as súas prácticas nas dependencias de Augas de Galicia, como xa aconteceu noutras ocasións con estudantes de varias disciplinas relacionadas coa xestión da auga.